Nesta páxina da Internet ven o seguinte:
http://www.galicia-hoxe.com/periodico/2 ... N30160.asp
DON ALONSO PITA DA VEIGA(V)
O señorío dunha liñaxe
A historia de don Alonso que estivemos a desenvolver nestas semanas, a crónica esquecida e apaixonante que narra a grandeza e as miserias máis agochadas e ó tempo solemnes de Pavía, aquela cita épica na que se enfrontaron Carlos V e Francisco I pola hexemonía no continente, pode que sexa o símbolo máis lustroso e fachendoso desta antiga e sobranceira liñaxe galega.
Fernando Garea
P\ero os Pita da Veiga, dos que escribe o P. Crespo que entroncan coa primeira nobreza de Galicia, cos Castro, cos Ossorio, cos Ribadeneira, e moi especialmente cos Piñeiro de Narahío, poden presumir dunha gloriosa fidalguía, dunha altiva e solemne ousadía, dunha entrega fiel e sen límites á milicia, virtudes todas elas probadas e amosadas en múltiples citas que paga a pena lembrar... pois, ás veces, o apelido infunde carácter.
As orixes deste apelido están vencelladas directamente á Milicia. Cóntanos D. µngel Suances ó falar da historia do castelo de Narahío que esta fortaleza "era propiedade de Gonzalo Piñeiro, señor de Narahío, quen posuía arsenais no porto de Neda para a construcción de naves. Nunha das andanzas do infante don Enrique de Trastámara, fuxindo do seu irmán o rei don Pedro de Castela —o mal alcumado como O Cruel- chegou a Pontedeume, acubillándose na Torre de Noguerosa, propiedade de Fernán Pérez de Andrade, VI señor de Andrade. Pero achegándose os homes de don Pedro, pregoulle o de Andrade ó señor de Narahío unha nave para que fuxira o de Trastámara, negoulla Piñeiro, e tivo que fuxir don Enrique polo porto herculino. Esta acción non a perdoou o de Andrade, e ó subir ó trono don Enrique, despois do fraticidio de Montiel, atacou e arrasou o castelo de Narahío, Gonzalo Piñeiro tivo que fuxir e perdeu o señorío, que concedeu don Enrique ó seu valido o de Andrade. Precisamente descendente deste Gonzalo Piñeiro foi Juan Piñeiro de Narahío, fillo de Xoán Pita da Veiga e de María Pardo de Lago, quen polo testamento da súa nai en 1580 reúne todos estes morgados. Este Xoán é sobriño do heroe de Pavía, e aínda que será a finais do XVI cando quedan directamente vencellados estes lustrosos nomes da nobreza galega, xa desde moito antes podemos concluír a estreita relación entre eles. De feito a orixe do apelido, con berce nas bisbarras do Ferrol, vai cinguida ó medrar do poder do señorío de Andrade e baixo esta poderosa "árbore'' medrará.
Así, e seguindo coa narracción que o P. Crespo realiza no seu sonado e valioso Nobiliario, unha escritura de cesión dos monxes do mosteiro de San Martiño de Xubia datada en 1472 acredita a ascendencia que os Pita da Veiga posuían xa naquel intre na Casa de Andrade. Engade o mesmo autor como aclaración histórica que "sabido é como os grandes servían o rei en todos os mesteres. Os nobres e fidalgos que non tiñan gran riqueza para soster unha gran casa, servían a outros señores máis poderosos, primeiro coma paxes, despois coma escudeiros, e logo coma capitáns das súas xentes de armas ou de guerra. Así, exercitábanse para ela e foron todos estes a base e levadura dos sonados Tercios Galegos, e logo, do verdadeiro exército''.
Só baixo estas consideracións podemos valorar as pioneiras actuacións relevantes dos "primeiros'' Pita da Veiga; entre os moitos exemplos que poderiamos citar cómpre salientar a do tío do heroe de Pavía, de nome tamén don Alonso, que participa na primeira expedición galega a Italia con Portocarrero e o conde de Andrade, xunto á intervención da célebre batalla de Seminara en 1472; igualmente na defensa que se arma nas vilas de Betanzos e da Coruña a propósito do nomeamento do Conde Benavente, don Alonso Pimentel, ou a concesión do señorío sobre o territorio, que implicará o cerco da cidade coruñesa durante case tres meses, entre os moitos nomes que xorden nesa defensa e contra o poder do conde de Benavente e na que están moitos nobres galegos, moi especialmente a Casa de Andrade —non en van, os mil peóns e cen lanzas que tiña dentro de murallas don Diego de Andrade foron factor decisivo na resistencia victoriosa da cidade— aparece tamén don Alonso Pita da Veiga; e igualmente na defensa heroica e no triunfo glorioso de Bicoca, xa no plano da intervención en Italia, na batalla que suporá un terrible 'borrancho'' na memoria militar francesa, tamén atopamos a figura de don Alonso; e finalmente, os feitos decisivos de Pavía, tanto na recuperación do estandarte de Borgoña como na prisión do rei Francisco I, sentan os alicerces máis lustrosos dunha activa e esplendorosa vocación á milicia.
A descendencia do heroe de Pavía —tralo seu enlace con dona María García de Vilousaz— quen tamén conta como destacado 'soldado' en Vicencio —7 de outubro de 1513— Gatinara, Seminara (como xa puidemos comprobar na Real Executoria concedida polo emperador Carlos V en Barcelona en 1529, e que temos transcrito nestas mesmas páxinas trala cesión do documento amablemente por parte da familia), e que lle servira xa con anterioridade ó rei Fernando o Católico nas súas empresas en Italia, sempre cos Tercios Galegos erguidos polo Conde de Andrade, non é moi prolixa. Fillos son don Alonso Pita da Veiga quen funda o morgado da 'Casa da Ponte e o capitán don Pedro Piñeiro de Narahío, de quen precisamente descenderá o capitán Xoan Pita Piñeiro, quen terá unha longa descendencia na Habana e de onde sairán moitos gardamariñas, sendo unha familia vencellada estreitamente á Armada. Precisamente neste ámbito militar continúase co ronsel de éxitos que o heroe de Pavía, e incluso cn anterioridade o tío deste último, iniciaran xa a finais do século XV. Será o rexedor do Ferrol, Don Alonso Pita, capitán de Tercios, e fillo de don Pedro de Lago e de dona María Piñeiro, quen amose o seu gran valor e probe a súa mestría e pericia militar nas guerras con Portugal en 1637, cando "no sitio de Monzón serviu con moito valor e afouteza como capitán; e ademais guiou os barcos que tiña sobre o Miño cos que atacaron ós portugueses que tentaban introducir un socorro ós sitiados, e afundiu unha nave, e detivo a capitana cargada de pertrechos e de municións de guerra e boca, poñendo o resto en fuxida e entrando despois coa súa xente na praza, e incluso tomou parte tamén no combate de Salvaterra''.
Escurecido pola gloria militar doutros nomes da liñaxe, é descendente directo deste morgado don Alonso López de la Vega, galego de Valdoviño, e loitador en Andalucía (que semella foi integrante dos Tercios e loitou intensamente na derrota da escuadra española en Cádiz infrinxida polo Marqués de Brezo), e que fundou dúas obras pías, unha en San Bartolomé de Segueiro e outra en Sevilla, en Triana, "para dotar doncelas novas e honestas que foran contraer matrimonio, legando para iso cuantiosos bens''.
Vencellado ó señorío e morgado e á Casa de Sedor —en Arzúa, de onde arranca precisamente esta quenda de artigos— cómpre citar a don Francisco Pita da Veiga, neto do heroe de Pavía, home docto e sabio da época —alcumado como o doutor 'Pita do Vilar'— que fora fiscal de guerra e mariña do Reino de Galicia, e home instruído do que se conta "medio reino solicitaba a súa intervención pola sabedoría que amosaba en diversas cuestións''.
Pita da Veiga como identidade da Armada Española\
Mais a crónica dos Pita da Veiga continuará escribíndose baixo o fragor da contenda, moldeando o señorío co valor e a ousadía: Trafalgar, Cuba, Filipinas... os escenarios máis sonados e épicos, as luces e sombras da historia militar española, moi singularmente da nosa Armada, vai ir acompañada coas armas deste apelido galego que pode presumir como poucos de contar con máis de 500 anos de servicio á Milicia... Alguén escribiu nalgunha ocasión que se o mar tivera dono tería que ser dos galegos, e do mesmo xeito, poderíamos dicir que se a Armada española tivera que identificarse cun nome, ningún outro máis lustroso que Pita da Veiga...
Incontables referencias
Tiñamos unha debeda pendente na procura da recuperación da memoria de don Alonso Pita da Veiga, un deses galegos sonados ós que os séculos foron agochando na súa grandeza, e onde o lenzo escuro do pasado foi esvaendo a grandeza da súa fazaña.
Esa debeda contraída coa familia Pita da Veiga, trala referencia que faciamos á mesma no noso devalar polas terras de Arzúa —comarca que estabamos a descubrirlles ós nosos lectores— consideramos que comeza a estar pagada. Tras varias semanas, a crónica da vida do heroe de Pavía quedou resumida, e aínda que son moitos os datos que se poderían engadir esperamos que aqueles máis interesados entendan que un xornal non é o lugar máis axeitado para facer un estudio pormenorizado e exhaustivo dunha figura e dun feito histórico.
En todo caso, non queremos rematar esta serie sen citar outras referencias desta saga de mariños e militares que tantas páxinas da nosa historia teñen protagonizado. Precisamente, e como nos aclaraba un informante da familia, o señor do Pazo de Sedor e Melide, Xosé Pita da Veiga, participará de forma moi activa nas rebelións liberais contra do absolutismo de Fernando VII, entre elas a de Porlier, tendo que sufrir desterro.
Igualmente pola relación cos episodios máis intensos da historia militar española do século XX, os Pita da Veiga posúen incontables referencias en tódolos ámbitos; desde o advento da República ata os pronunciamentos de Sanjurjo e o Alzamento Militar e posterior enfrontamento civil. Será Gabriel Pita da Veiga, ministro de Mariña durante a derradeira etapa de Franco e o inicio da transición, o militar máis destacado da familia en épocas recentes, aínda que tamén se pode citar o almirante Joaquín Pita da Veiga Jaudenes —quen fora director xeral do Ministerio de Defensa— etc...
Unha crónica de servidores da Armada que aínda continúa na actualidade.
Chamados a ser heroes
Pode que sexa a impronta, o selo, a esencia do apelido... Pode que incluso o destino, o azar, a vontade divina, ou os fíos estraños do devir inquedo acordaran manter unha tradición heroica... E pode que a lembranza daquel primeiro servicio ó rei marcara para sempre unha identidade... Así, cando un bota unha ollada á xenealoxía deste apelido ilustre non deixa de atopar incontables feitos de armas, onde o valor e as virtudes militares escintilan de xeito abraiante.
Seminara, Vicenzo, Pavía, defensa da cidade da Coruña, Monzón, loita contra do invasor inglés...
E Trafalgar, alí onde se gravou a lembranza máis dolorosa da nosa Armada... tamén alí un Pita da Veiga, don Andrés Pita da Veiga e Romero de Caamaño loita con todo o pundonor daquel que non sabe o significado da palabra rendición, resultando ferido a bordo da fragata San Agustín...
E Pontesampaio (cita emblemática da loita contra o francés, referencia básica da nosa historia particular de comezos do XIX, xunto a Elviña, a Moore, ou a aquel Cachamuíña), cando a gloria ten a faciana dun pobo unido, e alí de novo don Andrés xogando a ser heroe e deixando a pegada dunha liñaxe entregada ó exército e á defensa do país.
E no Callao, cando o mar se enche de sangue, e a historia se escribe con nome galego. Alí Gabriel Pita da Veiga e Victoriano Sánchez protagonizan estampas brillantes dirixindo a fragata Almansa.
Virtudes de cabaleiro e de home entregado plenamente a uns ideais; a defensa da súa patria e do seu Rei. Os mesmos ideais que abandeira o seu fillo Afonso Pita da Veiga e Morgado quen falecerá sendo alférez de navío no naufraxio do cruceiro Reina Regente.
E en Cavite, cando Alonso Morgado Pita Da Veiga, antes que renderse, acorda morrer enriba da súa vella e anticuada nave enfrontándose ó poderío naval americano. E Os Pita da Veiga en Cuba, e en Alhucemas, e no Mediterráneo... e o honor e a Milicia como "catecismo''...
Pode que estean chamados a ser heroes... Unha liñaxe histórica e toda unha historia detrás desta liñaxe.
As armas identificativas
Cando Carlos V asina en Barcelona, o 24 de xullo de 1529, o Real Privilexio polos feitos militares de don Alonso e concede as armas do escudo cuarteado establece o brasón máis significativo do apelido ("o campo cuarto de enriba vermello da cor do sangue nel unha manopla en sinal da que lle tomastes ó rei de Francia e unha coroa real de ouro un pouco máis arriba; e no cuarto de embaixo, o campo azul con tres flores de lis de ouro, que son as verdadeiras armas dos reis de Francia; e no cuarto dereito, teña o campo vermello como o cuarto de arriba, nel a banda devandita coas súas cruces; e no campo do cuarto sinistro, tamén vermello, nel o devandito Estandarte do devandito Serenísimo Rei de Hungría coas armas do noso Ducado de Borgoña; e timbrado o devandito escudo segundo e como do xeito que aquí vai pintado'').
Pero aquelas armas que a partir dese intre serán as identificativas dos Pita da Veiga adoitan en moitas ocasións mesturarse con outras que lembran os enlaces e relacións con sonados apelidos galegos como os Piñeiro, os Castro, os Lanzós, os Osorio, os Ribadeneira, os Bahamonde, etc...
Así, adoitan aparecer as cinco follas dos Figueroa, ou os dados con espada, ou os roeis dos Castro, ou os lobos pasantes, a árbore dos Piñeiro, ou a banda engolada en referencia clara ó vencellamento á casa de Andrade... O máis sonado da heráldica galega fundida nun apelido con eco de grandeza.