Condado de Borrajeiros

Investigación de xenealoxías
Pechado
Avatar de Usuario
Buxan
Mozo
Mozo
Mensaxes: 44
Rexistrado: 26 Xul 2004, 09:00
Ubicación: Lalín

Condado de Borrajeiros

Mensaxe por Buxan » 14 Mai 2006, 20:39

O 29 de maio de 1581, en virtude de autorización papal, o rei Felipe II vendeu ó crego Antonio Salgado as ruínas da torre de Borraxeiros e a xurisdicción correspondente por uns nove mil ducados (exactamente por 3.365.230 maravedís e medio), sendo valorada a torre en 56.586 maravedís.

Antonio Salgado Gundín era descendente dunha poderosa liñaxe lucense, como fillo de Alonso Gundín e de Beatriz Salgado, señores da casa da Laxe, en Monterroso. Cos bens que foi adquirindo durante a súa vida fundou dous vínculos, o do pazo de Podente no 1561 e o de Borraxeiros no 1584, que pasaron ós seus fillos naturais.

Borraxeiros foi herdado pola súa filla Susana Salgado, casada co fidalgo Vasco Gómez Piñeiro, dos que naceron Tomé e Juan Salgado Gondín e Piñeiro, herdeiro de Borraxeiros.

Juan Salgado Gondín e Piñeiro casou con Violante Baamonde, da que non tivo fillos. O seu irmán, Tomé Salgado Gundín, foi excluído do morgado. Do seu matrimonio con Inés Yáñez de Ventosa naceron, entre outros: Antonio Salgado Gundín, sucesor, Ana Salgado , Juan Salgado, crego, Isabel Salgado e Leonor Salgado.

Antonio Salgado Gundín engrandeceu a casa devolvéndolle o esplendor de antano. Foi IV señor de Borraxeiros, ainda que non estaba chamado a suceder no morgado. Herdeiro do vínculo que fundara o seu pai, Tomé Salgado Gondín e Piñeiro.

Seguiu a carreira militar, ascendendo postos no escalafón grazas ós seus servizos en campaña. Foi cabo das compañías do distrito de Chantada e serviu nos estados de Flandes cunha compañía de Infantería. De alí pasou ó Reino de Nápoles, onde ergueu unha compañía de “Caballos corazas” e, con ela, como Gobernador e Capitán, pasou á cidade de Altamura, participando en batallas, sendo unha delas a de Gattinara, onde, segundo testemuñas coetáneas “con su compañía fue el primero que entró en dicha plaza”.

Estes feitos de armas, así como a súa probada fidalguía, influiron decisivamente na concesión dun hábito de Cabaleiro de Santiago no 1639. Outorgou testamento o 17 de maio do 1644 e faleceu no mesmo ano, segundo testemuña a súa sepultura na igrexa parroquial.

Casara coa súa curmá Susana Salgado (filla espuria do seu tío Juan Salgado), da que tivo un único fillo chamado Juan Antonio Salgado Gundín, que naceu en Borraxeiros e faleceu na mesma parroquia o 24 de maio do 1663, sen facer testamento. Casou o 12 de marzo de 1642 con Inés Aballe Enríquez (ou Avalle y Acuña), dona do antigo pazo ourensán de Parada de Amoeiro (como filla de don Gonzalo de Aballe e de dona Inés de Aballe y Mariño de Lobera, donos do mesmo), residencia na que tamén habitaron. Dona Inés de Avalle testou o 19 de xuño de 1668 ante Fernando de Losada en Parada de Amoeiro, mellorando no tercio e quinto ó seu fillo don Gonzalo Antonio, fundando vínculo con tódolos seus bens.

Sucedeu o citado seu fillo don Gonzalo Antonio Salgado (nado o 11 de decembro do 1644) nos morgados de Borraxeiros e Parada (neste último pazo por mellora que lle fixo a súa nai o 19 de xuño do 1678). Outorgou o seu codicilo en San Xusto no 1696.

Enlazou por matrimonio novamente cunha liñaxe ourensá (de San Salvador de Vide), sendo a súa muller dona Leonor de Armada . Deles naceron don Tomás, que posuiu o morgado e faleceu sen descendencia, o seu irmán e herdeiro don Juan Antonio Salgado y Armada, don Nicolás , dona Isabel María , dona Catalina, dona Leonor Ventura e dona Teresa, estas tres últimas relixiosas.

Don Juan Antonio Salgado e Armada como moitos dos seus ascendentes seguiu a carreira militar. Nacera en Santiago de Parada o 31 de maio do 1672. Segundo testemuña a folla de servicios, sirveu no exército máis de 31 anos, chegando a capitán de granadeiros. Foi Rexedor Perpetuo de Ourense, señor das casas de Borraxeiros, Parada, Barcia de Lira e outras. No 1711 foi nomeado Cabaleiro de Santiago.
Casou con dona Manuela Enríquez de Mendoza, da que tivo a don Joaquín e a don Juan Manuel.

O primeiro, é dicir, don Joaquín Salgado Enríquez, foi Coronel de Infantería e do Rexemento Provincial de Milicias de Ourense, séndolle outorgado por Real Despacho de 21 de xaneiro do 1761 o condado de Borrajeiros, co vizcondado previo de Parada, pero non conseguiu descendencia da súa muller Benita Enríquez.

O seu irmán, don Juan Manuel Salgado, foi Cóengo de Tui e, por 1783 se titulaba segundo conde de Borrajeiros. Con dona Isabel Cid tivo un fillo, don Juan Francisco Salgado, lexitimado para que poidera herdar ó seu tío o 6 de febreiro do 1776. Bautizado en San Pedro de Morillones, chegou a capitán de Granadeiros de Ourense, sendo o terceiro conde. Casou con dona Estrella Cárdenas (filla de don Benito José de Cárdenas Montenegro e de dona Ignacia Pardo Ribadeneira; neta paterna de don Juan Antonio Cárdenas e Chavarría e de dona María Josefa Montenegro e Mosquera, que procedía do Pazo de Donfreán, en Santiago de Catasós-Lalín).

Tiveron como sucesor a don José María Salgado Cárdenas, conde de Borrajeiros. Este contrae matrimonio con dona María Teresa Zárate (filla de don Antonio Julián de Zárate, cuarto marqués de Montesacro, e de dona María Gaspara Bazán de Mendoza), sendo o seu fillo e herdeiro no condado don Juan José Salgado, casado con dona Socorro Ramos Otero. Da parella naceron, entre outros, José e Socorro Salgado (avoa do Excmo. Sr. don Manuel Taboada Roca, que rehabilitou o título no 1958). Ignoro se se trocou ou galeguizou o nome por Borraxeiros, pero o título segue a chamarse como cando se outorgou, é dicir, Borrajeiros.


Fonte: GÓMEZ BUXÁN, C. e RUBIA ALEJOS, F.: Pazos y moradas hidalgas de Deza. Deputación Provincial de Pontevedra, 2005.

Pechado