A febre do ouro negro

Feitos do noso pasado común
Respostar
Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensaxes: 18187
Rexistrado: 29 Set 2004, 09:00
Ubicación: Mos

A febre do ouro negro

Mensaxe por serba » 06 Out 2012, 17:39

Entre 1930 e 1950 Fontao foi centro de emprego para miles de galegos, aventureiros e buscadores de fortuna
Galicia tivo o seu papel na II Gran Guerra na vella historia de Fontao e o wolfram. Viaxamos no tempo para recuperar a historia dunha época hostil e dura que se deu en chamar da febre do ouro negro. O wolfram xogou unha grande importancia na industria militar co seu máximo esplendor dende finais da Guerra Civil ata 1955, final da Guerra de Corea, cando se esgota e xa non se poden atender as demandas. Usábase para revestir os armamentos e lograr unha maior dureza. A alta demanda por parte de alemáns e ingleses fixo que o seu prezo alcanzase as duascentas pesetas por quilo. A mina converteuse en centro do emprego para miles de galegos, aventureiros e buscadores de fortuna, que escoitaron os cantos de serea dos cartos rápidos.
ÁNGEL UTRERA - A distancia entre A Bandeira e Fontao a penas alcanza os vinte quilómetros, pero a realidade é que o viaxeiro ten a sensación de non dar chegado. Para situarnos no contexto histórico do que imos falar, dicimos que estamos a vivir no século pasado, imos retroceder dacabalo da máquina do tempo aos anos do 30 ao 50. A estrada so é tal no comezo, despois vaise transformando ata ser non máis que unha pista, empinada, chea de retortas que a fan insufriblemente cinguida ao monte de toxos e xestas e de cando en vez algún piñeiro e máis dunha corticeira despistada do Val de Carmoega que se adiviña ao outro lado do río Deza. Estreito camiño preñado de profundas fochas polo que a penas pasa un carro nunha ou outra dirección e que, no caso dos coches, camións ou buses, obriga a retroceder a un ou outro ata atopar unha deriva veciñal para deixar a vía libre ao que vén de fronte e, unha vez liberada a vía, regresar ao camiño. A pista, coma tola, lánzase en continuas piruetas e retortas, ás veces acrobáticos caneos innecesarios, diríase que fora deseñada nun día de borracheira por algún enxeñeiro enxeñoso de máis. No inverno os regos e rodeiras fondas das rodas aínda a fan máis atractiva e a soidade do entorno mete medo, sen máis compaña que o silencio e o rumor do vento nas pólas das árbores que pintan en verde o campo áspero e duro do val conforme imos achegándonos á vila, máis ben lugar, de Fontao.
Deixando atrás A Brea, onde facía a requisa e vixiancia a Garda Civil, moi preto de Merza, cruzamos unha senda de pastoreo que leva ao Mosteiro de Carboeiro pola antiga Ruta da Prata no Camiño de Santiago. Alí, no vértice das dúas estradas, perdura o microcosmos dos señores do wolfram, casta de aventureiros, vividores, prostitutas e bandoleiros modernos, malfeitores e industriais ao pairo do cheiro dos cartos fáciles do mineral chegados das cidades, onde subsistían nos arrabais e inframundos da delincuencia e mala ralea, xente dura sen nada que perder. O cinto do wolfram co centro en Fontao abarcou lugares como O Corpiño, Busto, Anzo, Madriñán, Merza, Saídres e Carboeiro, a un e outro lado do Deza. O ouro negro do século foi o motor dos barracóns de madeira que xurdiron coma fungos no outono das fragas.
En Fontao atopamos colgado dos farallóns, na ladeira norte sobre o río, os edificios da empresa mineira, o hotel para a dirección, os pavillóns de pedra para os vehículos a motor e material de traballo, as instalacións de auga e luz, as cabalerías e cortes para os animais e as vacas leiteiras, o cuartel de vixiancia da Garda Civil e os barracóns dos obreiros e peóns, máis cortellos ca outra cousa, tanto dos reclusos, penando condena que redimir co traballo e que se podían coñecer pola franxa coas cores da bandeira nacional no peito dos seus monos de traballo, como dos libertos, vixiados coa liberdade condicional, que xa non saben facer outra cousa e tampouco teñen onde ir. Moitos deles foran enviados alí por políticos, homes de ideas que perderan a guerra.
Entre os sistemas de traballo, o máis ou menos ilegal e clandestino das recuperacións, que se move entre o furto, a rapina e o descoido, auténtica pillaxe que explota a minería do subsolo deste mundo negro betume da mina e que ás veces escava e explota o mineral con medios moi rudimentarios previa obtención do carné de autorizado, que impón un canon mínimo de produción de dous quilos ao mes, cinco a prezo de taxa e a perda dos dereitos de explotación pasado un ano. Con este sistema a empresa obtén uns suculentos beneficios e vai aumentando a súa capacidade de explotación coa expropiación legal dos terreos lindeiros, ao exercer o dereito de retorno das concesións. Para gañar máis, algúns mineiros roubaban mineral á compañía para revendelo no mercado negro.
E, coma en calquera lugar que se prece, as tabernas, tasca e prostíbulo a un tempo, nas que descansaban os tipos máis variopintos, tanto traballadores como recuperadores, capataces con alma de negreiros e maneiras de ditadores, tipos ambiguos potencialmente delincuentes amantes dos riscos e descoñecedores das boas formas, calquera tipo de educación e a máis elemental conciencia ou sentido da decencia. Nas tabernas tampouco faltaban os compradores do wolfram e, por suposto, a Garda Civil, tan temida como odiada. - cada noite rebulían cheas de clientes mimados pola patroa en tanto as putas servían viño e caldo en cuncas de barro, guiso de carne ao caldeiro e patacas fritidas e, de cando en vez, escapaban tras a cortina detrás do mostrador con algún dos máis asiduos para satisfacer as necesidades máis baixas de sexo daqueles homes solitarios e rudos, sempre dacabalo entre a vida e a morte, co cheiro metido no corpo a fume, acidez, bafaradas de aceite rancio, viño agrio e po negro da pedra de ouro tan desexada e tan difícil de arrincar á terra.
O wolfram cambiou o medio de vida en toda a comarca a moitos dos seus moradores, tinxindo o negro da pedra polo vermello da sangue vertida nos centos de accidentes máis ou menos evitables. O paisano mudou a súa vida verde de gandeiro e agro pola negra de resignación e submisión aos cartos e ao poder, trocando as cortes polas tabernas de malvivir e as pensión onde atopaban acomodo todos estes aventureiros que durmían os seus soños de riqueza sobre xergóns de palla de maínzo e pulgas de a vinte pesos.
Ata alí chegaban despois de ter ocupado un oco, entre empurróns e con esforzo, na autocar de La Pontevedresa, que tiña a concesión da liña Pontevedra-Silleda para vintecinco viaxeiros dentro e tres máis no baquet, xunto ao condutor, o que a todas luces resultaba ser un conto de nenos, xa que o normal era colocarse enchendo calquera espazo cos corpos suorentos de máis de corenta almas no interior e quince ou máis na baca, disputándolle o sitio ao equipaxe, todo por conseguir o billete ao futuro das riquezas e o fin das penurias que prometían as minas, o que fora por atopar o caletre das fantasías e soños destes rufiáns con febre de riqueza e aproveitar o filón do wolfram que se atopaba nas engurras xeodésicas das torrentes e cicatrices das feridas que a fabrica ía deixando na terra furada. Non había tempo que perder en protestar pola incomodidade da viaxe cando ao final do túnel agardaba a fortuna coa que se ilusionaban todos aqueles que loitaban en cada curva por non caer ou seren esmagados pola morea de vultos e paquetes de todo tipo sobre os que navegaban en difícil equilibrio.
Fontao rebulía e os cartos entraban e saían rápido dos petos dos que, ao calor do mineral, montaran alí a súa vida dunha forma máis ou menos dependente desta nova fonte de riquezas.
Na Bandeira, na estrada entre Santiago e Ourense, a feira deixa pouco sitio para o aburrimento e a xente baixa dende Fontao aos postos e tendais que nos pendellos e alpendres se montan a dereita e esquerda da rúa principal e arredores. Todo tipo de cachifallos, roupa, ferralla, coitelería, froitas e tabacos, zocas e calzados, verduras da horta, polos, coellos, etc. Alí ían zoqueiros cos seus coiros de facer zocas para o traballo de campo, ferreiros cos fouciños, coitelos, gadañas e calquera outra ferramenta precisa pola xente do agro, e as queixeiras cos queixos frescos e os frascos de mel. Na feira podíase atopar todo o que a xente precisaba, dende o pan en enormes bolas de trigo ou centeo ou maínzo co bandullo ancho e a miga prensada, ata a roupa máis ruín para o traballo e, de remate, xantar o polbo cocido nas potas de cobre xenerosamente servido nos pratos de madeira de buxo salpementado e co aceite ben acedo, como é de lei, do que daban boa conta nas mesas e bancas de madeira lustrosa polo uso e graxentas de tantas feiras como podían contar, entre viño tinto escanciado en xerras de barro cocido que se enchían unha e outra vez dos bocois traídos do Ribeiro en mulas de carga polos paisanos de boina e roupa de festa, entre arrotos e pecados, arrepiantes gargalladas e caras pintadas en cores vermellas pola calor e o viño.
Nas tabernas, entre vapores de viños e fume de tabaco cuarterón e picadura, os señoritos de Santiago que traían a representación de Compostela, aos que se lle notaba afeitos a manexar cartos, anque moitos non foran máis ca homes de palla que non tiñan nin onde caer mortos, pero vestían o cargo, con aqueles bigotiños finos, a gomina ou fixador no pelo e o cheiro a colonia de garrafón, o gabán de pano e a fala da cidade, non a da aldea, para diferenciarse como a xente principal coa que trataban as compras e os prezos, pechaban tratos e marchaban convencidos de ter feito o mellor dos negocios, cos rufiáns e negociantes do mineral, que despois os representantes chegados das rías da man dos ingleses embarcaban polos portos de Vilagarcía-Carril ou Vigo, camiño case sempre dos mercados americanos, que pagaban ben, e dos que se quitaba algo máis pola porta de atrás. Non resultaba difícil trabar conversa con calquera destes representantes de carteira de coiro sobada cun atado de goma e avultada de billetes, os que de camiño a Fontao non gastaran nos casinos da Coruña ou de Noia e Vilagarcía, e que movían ben deles dende Vigo á Raia Portuguesa, onde o estraperlo e o contrabando de café, gando e outras mercadorías daba para todos.
Foron tempos de riqueza como nunca antes se vira pola comarca. De viaxes a Vigo e A Coruña, mesmo a Madrid, para tratar das expropiacións e ampliacións da mina. Tempo nos que chegaron cartos de fóra, dos que se beneficiaron os de sempre e que, manexados e controlados dende o Goberno Civil, co xefe provincial do Movimiento á cabeza, e os secretarios e subsecretarios pola retagarda, remataban no peto dos afines. Foron tempos de topógrafos chegados de fóra, de subir e baixar de vagonetas cargadas de mineral, de enxeñeiros e políticos sen escrúpulos, de aventureiros e mortos de fame, pero tamén de presos e traballadores á forza que pagaron alí a súa condición de derrotados.
Alí, nas noites de farra e partidas, algunha que outra mal rematada en liortas e navalladas, pechábanse as portas cando algún dos convidados era merecedor dun trato especial, polo normal autoridades de segunda e xerarcas do Movimiento, da Falange y de las JONS, cos que todos buscaban estar a boas e non caer en desgraza polo que puidera pasar.
As tabernas eran negocios de prestixio e cotización entre os de dentro e os de fóra e as pupilas, case sempre portuguesas, daban e quitaban segundo como se portaran os clientes e visitantes. Hixiene e discreción acreditada, comida, bebida e media pensión por un prezo axeitado, que son moitos os gastos para levar o negocio con dignidade. Augas correntes frías e quentes. Sobre todo antes da prohibición que no 56 acabou coa permisividade de facto, cando se determinou polo réxime franquista, apertado pola Santa Madre Iglesia, pechar as casas de lenocinio e compañía, o que foi a ruína de moitas delas e obrigou á prostitución máis ou menos clandestina. Negocio de séculos, o máis antigo de todos, non ía pechar polo que dende o Goberno Civil se ditara.
As tabernas eran, pois, o centro da diversión, pero tamén das transacións económicas e de información e, por que non dicilo, de cultura e trafego, xa que moitos aprendían o que precisaban para saír adiante nos difíciles tempos nos que lles tocara vivir, e a mina contribuíu a que esta fora máis doada e os cartos correran de man en man sen reparar moito en aforros ou melindres.
http://www.farodevigo.es/portada-deza-t ... 92237.html
Poblada soledad es hoy el mundo.

Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensaxes: 18187
Rexistrado: 29 Set 2004, 09:00
Ubicación: Mos

La lucha de las gallegas del wolframio

Mensaxe por serba » 05 Nov 2014, 11:49

Amaia Mauleón | Vigo
Encarna Otero presenta en Vigo su documental "A luz do negro", que recupera el papel que las mujeres jugaron en el poblado minero de Brea-O Fontao durante la posguerra
http://www.farodevigo.es/sociedad-cultu ... 25743.html
Poblada soledad es hoy el mundo.

Avatar de Usuario
serba
Foreiro Ilustre
Foreiro Ilustre
Mensaxes: 18187
Rexistrado: 29 Set 2004, 09:00
Ubicación: Mos

Varilongo, a memoria do ouro negro que marcou a un pobo

Mensaxe por serba » 14 Abr 2016, 16:33

Cris Botrán

Varilongo, a memoria do ouro negro que marcou a un pobo

A xalleira Carmen Blanco edita a primeira monografía sociopolítica sobre o volframio das minas de Santa Comba // Fala sobre a importancia que tivo na Segunda Guerra Mundial e as intrigas políticas // É froito de tres anos de investigación

http://www.elcorreogallego.es/area-de-c ... cia-991380
Poblada soledad es hoy el mundo.

Respostar