Xoán Iañez de Novoa, Señor da Casa de Maceda

Investigación de xenealoxías
Avatar de Usuario
Milleiro
Super Foreiro
Super Foreiro
Mensajes: 1306
Registrado: 04 Nov 2001, 09:00
Ubicación: Galiza
Contactar:

Xoán Iañez de Novoa, Señor da Casa de Maceda

Mensaje por Milleiro »

XOÁN IÁÑEZ DE NÓVOA, SEÑOR DA CASA DE MACEDA, no 500 aniversario do seu pasamento


Faleceu este cabaleiro da liñaxe dos Nóvoas no ano 1504 na casa-forte de Maceda. Está soterrado ao pé dela, nun coidado sartego con estatua xacente de estilo prateresco, na banda esquerda da Igrexa Parroquial de San Pedro, xunto coa súa dona Xoana Díaz de Cadórniga, vencellada a unha das potentadas familias nobiliarias de Ourense que se enfrontou con severidade aos poderes fácticos (prelados e xudeus) da súa época.



Naquela fortaleza medieval viviron Xoán Iáñez de Nóvoa e os seus dende comezos do século XIII. Orixinarios do primitivo solar de Santo Estevo de Nóvoa -no actual concello de Carballeda de Avia- decidiron afincarse noutro lugar, logo da concesión de Fernando II (1157-1188), rei de Galiza e León, á citania agrícola de Ribadavia do Foro de Reguengo no 1164, que protexía aos emerxentes burgueses fronte aos Nóvoas que se excedían contra eles e os campesiños, na procura dos seus privilexios. Cando tiveron serios problemas na contorna do Ribeiro, algúns achegáronse á Terra de Maceda, xa que logo fóralle doada a torre primixenia a María Fernández de Traba como asignación real, polo seu -segundo- matrimonio co nobre Xoán Arias de Nóvoa.

Polo 1207 posuía a tenencia de Maceda (a concesión beneficiaria daquelas terras feita polo rei) Gonzalo Eanes de Nóvoa, un dos primeiros colonos do apelido que se asentou alí, cando os señores de Ambía anceiaban aquelas herdanzas. Logo virían outros Nóvoas con proxección no bispado que acadarían a cadeira mitral dende a penúltima década do século XIII até a metade do XIV, cando as institucións eclesiásticas se amosaban hexemónicas. Os bispos vencellados á casa nobiliaria de Maceda tentaron perpetuarse como clan no poder. O prelado Pedro Iáñez de Nóvoa (bispo Pero Eanes nos textos que escaneamos en galego medieval; Petrus Iohannis Episcopus Auriensis nos documentos en latín exhumados por Duro Peña e Doroteo Calonge) gobernou despoticamente dende a súa atalaia episcopal dende 1286 até 1308 aínda que no 1276 xa fora nomeado bispo electo por presións dos seus.

Acusado de pirómano e sacrílego, mandara aos subalternos -abandeirados polo castellano Gonzalo Gómez e o chantre Gonzalo Núñez-, prendesen lume á igrexa e convento primixenio dos franciscanos situado na -actual- Praza do Correxidor. Morreran varias persoas carbonizadas no interior. Outras -consonte versións- foran acoiteladas. Os enfrontamentos entre as xentes do concello que aspiraban ao señorío rexio e o exército do bispo, xermolaran con maior intensidade entre 1293 e 1295, aínda que os encontronazos xa viñan dende mediados daquel século. (En 1256 o rei Afonso X -tamén vencellado a Maceda- recibira unha homenaxe das xentes do concello: os poderes eclesiásticos ourensáns interpretárano como unha provocación). O bispo Iáñez de Nóvoa non dispuxo dun día de tranquilidade nos case trinta anos nos que estivo en primeira liña. Houbo queixas e denuncias reiteradas perante o rei por parte do concello, cabido e outras comunidades. O prelado, o chantre, o mercenario castellano, o arcediano e o mestre-escola foron considerados inductores, executores e cómplices daquel feito que varios autores datan entre finais de 1294 e o primeiro trimestre de 1295. Condenado polos tribunais reais, o bispo solicitou varias veces o perdón. Foi indultado por Fernando IV (1285-1312) coa chegada do novo século.

Orabén, paralelamente o papa Bonifacio VIII (1294-1303) reclamouno para que, na curia pontificia, expuxese o sucedido. As fontes máis fiábeis indícannos que non comparecera. Demorouse o proceso eclesiástico até 1308, ano no que o papa Clemente V (1305-1314) mandou instruír un novo sumario contra o prelado e os seus parceiros. Os franciscanos colleríanlle teima de por vida. Xa en 1289 o papa Nicolás IV (1285-1312), nunha bula fechada o 27 de agosto de 1289 (Tomo IV, pxna. 99 do Bullarium Franciscanum), menciona algunhas das vexacións do bispo á orde mendicante dos franciscanos que foran moi ben acollidos na cidade, cunha mensaxe pastoral renovada e aberta á sociedade do seu tempo. Ademais predicaban en galego e non en latín, o que os facía máis accesíbeis. O bispo impedira o enterramento no camposanto dos frades a persoas que así o deixaran consignado nas derradeiras vontades. Prohibira a celebración de culto na igrexa conventual. Tamén se opuxera -inicialmente- á fundación do mosteiro de Santa Clara de Allariz, xa que logo as monxas clarisas tiñan aos franciscanos como directores espirituais.

As tensións e o deterioro das relacións sociais en Ourense agraváranse coa chegada dos nobres eclesiásticos vencellados á casa de Maceda que anceiaban agrandar o seu poder. A potentada familia Nóvoa tivo que construír outro mosteiro na aba de Montealegre, extra muros da cidade medieval, que se rematou arredor do 1330 (algúns investigadores lévano até o 1350). Hoxe consérvase a sala capitular e o estilizado claustro: o mellor románico-oxival evolucionado de Galiza (Monumento Nacional Histórico Artístico, 1923). Tamén permanece o templo de San Francisco (Ben de Interese Cultural, 1985), desprazado pedra a pedra, nunha decisión aberrante, ao corazón da cidade moderna entre 1927 e 1929 e que hogano se tenta reparar. Nesta igrexa -afogada polo cemento dos edificios colaterais do Parque de San Lázaro- atópanse soterrados varios nobres da casa de Maceda e consortes: Xoán de Nóvoa, a súa nai Elvira de Nóvoa -esposa de Alonso López de Lemos-, Gonzalo Puga, a súa dona Teresa de Nóvoa e outros do apelido en sepulcros cegados.

Sobre Pedro Iáñez de Nóvoa verteuse moita literatura nos séculos XIX e XX. Situou estratéxicamente no cabido a varios parentes para que, cando el finase, acadasen a cadeira mitral controlando todo o poder eclesiástico e civil. Gonzalo Núñez Daza e Osorio (1311-1319) tivo un fillo (Álvaro Núñez). Á súa amante Mayor Fernández -encuberta como criada- nomeouna herdeira de parte da súa fortuna. Gonzalo Pérez de Nóvoa (1320-1332) gravou con máis impostos aos súbditos. Foille rexeitada a herdanza por parte do cabido que se negou a ser o seu albacea. Álvaro Pérez de Biezma (1343-1351) loitou polos foros eclesiásticos. Tivo constantes altercados cos fidalgos, burgueses e demais persoeiros ourensáns. Mesmamente o concello prendeu a varios familiares do bispo polo 1343.

Mitra e casco ían da man con demasiada frecuencia naquela época. Os bispos facíanse ás armas e obraban como soldados (Muñoz de la Cueva). O clan intervincallado coa casa nobiliaria de Maceda ocupouse, en verbas máis que docificadas de Vicente Risco, dos seus privilexios e dereitos señoriais, mirando sen contemplacións aos súbditos. Otero Pedrayo alcumounos xenerosamente como bispos enérxicos. Manuel Murguía tiña ao prelado pirómano por persoa nada recomendábel: “altivo e aborrecíbel, como todos os seus”. O bispo Muñoz de la Cueva (1717-1728) en Memorias Históricas da Santa Igrexa de Ourense (1726) -aínda que fai corporativismo haxiográfico- refírese a el como pleiteante autoridade polo seu ardente e dominante xenio.

No mundo laico aparecen varios homónimos que dignifican o apelido. Xoán Pérez de Nóvoa defendeu infructuosamente a Ponte Romana de Ourense en 1366 no reinado de Pedro I o Cruel (1350-1369). Posteriormente no de Xoán I (1379-1390), outro cabaleiro vencellado á casa de Maceda -Xoán de Nóvoa- fixo o mesmo en 1386 contra John of Gaunt, duque de Lancaster (1361-1399) -pretendente á coroa de castela- e o seu parceiro João I de Portugal (1385-1433). Desembarcara na Coruña, pasara por Compostela e logo, ao remate daquel verán, establecera a súa corte en Ourense coa conivencia de relevantes nobres locais aínda que, pouco despois, tivera que retirarse cara Portugal.

Sobrancea João da Nova (ca. 1450-1509/1510), alcaide de Lisboa, navegante e descubridor das illas Trindade, Juan de Nova Island, Ceilán, Santa Helena e Ascensión entre 1501 e 1506. O seu vencello ao apelido nobiliario de Maceda é inequívoco. O seu papel como protagonista, co buque insignia da mariña portuguesa, a nao Frol de la Mar na Batalla Naval de Diu (1509) foi transcendental para os intereses económicos e xeoestratéxicos de Portugal en Oriente. É, con moito, o máis salientábel da súa dilatada estirpe; o galego máis relevante de comezos do século XVI do que todos deberiamos fachendear.

Un familiar del foi o nobre macedán que finou en 1504 e do que agora se cumpren cincocentos anos do pasamento. Xoán Iáñez de Nóvoa descansa na Igrexa de San Pedro, que se erixíu nos albores do séc. XVI cando a freguesía non ía moito máis aló dos corenta veciños. Nas dúas inscripcións superiores do fermoso sartego podemos ler, cinceladas en letras maiúsculas: “Esta sepultura mandouna facer Xoán Iáñez de Nóvoa, señor da casa de Maceda, fillo de Xoán de Nóvoa e de Mencía López Mosquera que se mandou eiquí sepultar”. Na da dereita reza: “Así mesmo está eiquí sepultada Xoana Díaz de Cadórniga, muller de Xoán Iáñez de Nóvoa, filla de A. Díaz de Cadórniga”. Debaixo do sarcófago, con letras minúsculas, engádese noutras dúas inscripcións: “máis mando que esta casa de Maceda non a herdase senón persoa que se chamase dos Nóvoas e que donase a esta capela dez fanegas de pan e un porco, situadas nesta aldea de Chaioso, para que lle diga unha misa de Nosa Señora os sábados e que o señor da casa de Maceda faga / título dela, cada vez que descanse e non sexa clérigo nin capelán desta igrexa de San Pedro de Maceda, senón outro de fóra, pra que veña dicir dita misa cada sábado e nas festas de Nosa Señora, e se houbese algún parente clérigo dos Nóvoa que non sexa capelán nin clérigo de dita igrexa, que antes llo den a el que a outro”.

O sartego -un dos mellores vestixios sepulcrais do noso patrimonio xunto co do inquisidor soterrado na Igrexa de Asadur- merece unha visita. Resiste ben o paso do tempo. Tamén os dos seus familiares eclesiásticos inhumados na Catedral de Ourense e os civís que descansan na Igrexa de San Francisco. Maceda rememora neste cincocentos aniversario a un dos seus devanceiros; un dos poucos nobres que hogano fican no condado e ao que se lle vai dedicar a festa medieval deste 2004, que se celebrará ao abeiro do castelo no que vivíu (BIC, 1994) e do templo que escolleu para o descanso derradeiro.



Santiago Prol 2005
Bibliografia: http://www.enmaceda.com/info_maceda.htm
Responder